O luns 10 de decembro, tralo proceso de ampliación e mellora dos seus vestiarios e a climatización do acceso ó globo presostático, volveronn abrir as Piscinas Fontes do Sar. Nesta data iniciaranse os cursos de natación semestrais para abonados e para non abonados que se desenvolverán nas Piscinas do Sar e do C.D. Santa Isabel, e para os que aínda continúa aberto o prazo de inscrición presencial. Amais, a partires do luns o Multiúsos Fontes do Sar ampliará o seu horario de apertura, e comezará a abrir de luns a venres unha hora antes: a partir das sete da mañá.
REAPERTURA DAS PISCINAS FONTES DO SAR
As Piscinas Fontes do Sar volveron abrir cunha imaxe renovada e actual, pensada para unha maior comodidade do usuario. Durante este tempo reformouse a zona dos vestiarios de inverno e realizáronse melloras no saneamento, co fin de adaptar as instalacións á nova normativa de Sanidade; amais, tamén se mellorou o túnel de acceso ó globo presostático coas convenientes instalacións de alumeado, electricidade e climatización.
Nos vestiarios de inverno das piscinas anteriormente había 12 duchas habilitadas para os usuarios, pero a alta demanda obrigou a colocar un total de 26 duchas regulables en temperatura; antes tan só había un urinario, e no presente van contar con 5; antes existían 6 lavabos, e trala remodelación hai un total de 10; antes había 4 inodoros e agora os usuarios van poder utilizar 15. Amais, engadiuse un vestiario habilitado para cambiar ós rapaces e ás rapazas menores de 5 anos, pois antes non se contaba con ningún lugar pensado exclusivamente para este colectivo.
CURSOS DE NATACIÓN
A partires do 10 de decembro as Piscinas Fontes do Sar e o C.D. Santa Isabel acollerán unha nova edición dos cursos de natación, que desta volta serán semestrais. As persoas que queiran optar a unha aínda están a tempo de inscrirse de xeito presencial na recepción do Multiúsos e do C.D. Santa Isabel. Hai prazas libres en todas as modalidades: abonados adultos, abonados nenos, non abonados adultos e non abonados nenos. Dependendo do curso, o prezo vai dende os 7,50 euros ata os 42 euros o semestre. Preto de 1.500 persoas xa están apuntadas ós cursos.
AMPLIACIÓN DE HORARIO DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS
A partires do luns 10 de decembro, e pensando no benestar e as necesidades dos abonados, as intalacións deportivas comezarán a abrir unha hora antes do habitual. O Multiúsos Fontes do Sar, o C.D. Santa Isabel e as Piscinas do Sar abrirán as súas portas de luns a venres de 7:00 h a 23:00 h, os sábados de 09:00 h. a 20:00 h. e os domingos de 9:00 h. a 14:00 h.