O sábado 21 de novembro (22h) o músico e compositor francés Yann Tiersen ofrecerá unha actuación única no Multiusos Fontes do Sar, grazas ao patrocinio da Fundación Caixa Galicia. O artista, descuberto polo gran público a raíz da súa célebre banda sonora do filme «Amélie», estará precedido no escenario polo músico británico Matt Elliott. Xa podes adquirir as túas entradas, que están á venda na páxina web de Caixa Galicia (www.caixagalicia.es) e en Ticketmaster (902 150 025; www.ticketmaster.es) a un prezo de 15 euros. Os que adquiran a súa localidade coa tarxeta Visa Electrón Netclub de Caixa Galicia gozarán dun 25% de desconto.
Cunha brillante traxectoria discográfica que comenza en 1995 con “La valse des monstres” e acada os seus momentos álxidos en “Le phare” (1997) e particularmente en “L’absente” (2001), a relación de Yann Tiersen e o cine é extensa. Amais de “Tabarly” e “Le fabuleux destin d’Amélie Poulain”, tamén é autor da música dos filmes “Good bye Lenin!” (2003) e “Alice et Martin” (André Techiné, 1998), e do tema principal de “La vida soñada de los ángeles”, de Erick Zonca. A finais de 2009 verá a luz o seu novo e agardado disco de estudio, «Dust Lane», no que colaboraron artistas como Syd Matters, Orka ou Matt Elliott, entre outros.