O cantautor ofreceu o sábado 9 de outubro (22h) no Multiusos Fontes do Sar preto de tres horas de concerto. Sabina gozou sobre o escenario e fixo desfrutar ás case nove mil almas que abarrotaron o recinto santiagués. Arrancou co seu tema «Tiramisú de limón» para desgranar varias das cancións do seu último disco e moitos dos seus éxitos máis sonados. O público rematou en pe e completamente entregado.
O cantautor español Joaquín Sabina, con catorce discos de estudio no mercado, publicou o 17 de novembro do pasado ano “Vinagre y rosas”, o seu último álbum, do que vendeu 200.000 copias en tan só un mes dende o seu lanzamento. Este novo álbum contén 13 novas cancións do emblemático autor e cantante. Todos os temas -excepto “Tiramisú de limón” e “Embustera”, que contou con Pereza na producción- foron producidas por Antonio Gª de Diego, Pancho Varona e José A. Romero, inseparables colegas, compañeiros e equipo músico habitual de Joaquín Sabina. ‘Vinagre y rosas’ acadou tres Discos de Platino en España e un na Arxentina.
Coincidindo coa publicación de “Vinagre y rosas” Joaquín Sabina comenzou unha xira de presentación do álbum, cun primeiro concerto o 20 de novembro no Multiusos Sánchez Paraíso de Salamanca para o que se esgotaron as entradas en cinco días, o que obrigou a programar unha segunda actuación. En Madrid tamén logrou un cheo absoluto no Palacio de Deportes da Comunidade de Madrid. Agora repetiu éxito rodeado do público galego en Santiago de Compostela.