O programa Nadalxogo 2010, cunha atractiva oferta de actividades dirixidas ao público infantil e xuvenil de Compostela, pechou as súas portas no Multiusos Fontes do Sar. Entre o 23 de decembro e o 3 de xaneiro, agás os días 24 e 31 de decembro, Nadalxogo convidou aos rapaces de Santiago a todo un mundo de lecer con obradoiros, teatro, contacontos e deportes.
Nadalxogo contou un ano máis co Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que este ano xirou en torno á obra Tintimán en Compostela, de Jaureguízar. Tamén destacou a actividade denominada A Caixiña dos Mistos, con obradoiros entre os que se incluía un de plastilina e outro sobre cinema infantil sobre rodas. E cada día, houbo unha programación específica con pallasos, maxia e moita animación.
A oferta deportiva incluiu tenis de mesa, bádminton, deporte Wii e esgrima ou saltos nas camas elásticas. Tamén houbo obradoiros de cestería, encadernación, abelorios, gomaespuma e papiroflexia. Entre as actividades lúdico-recreativas cómpre citar a pista de coches de choque, o carrusel de cochiños, o carrusel Dragón-re ou os inchables.