As instalacións programan no mes de maio as I Xornadas sobre Deporte e Benestar, con charlas formativas GRATIS para abonados

O Multiusos Fontes do Sar e o Complexo Deportivo Santa Isabel organizan xunto co Departamento de Deportes do Concello de Santiago o mes da formación, cunha serie de charlas teórico-prácticas sobre diversas disciplinas do deporte e o benestar impartidas por profesionais do sector. A formación é aberta ao público en xeral, e será GRATIS para abonados ata completar as prazas. Os participantes recibirán un diploma certificativo da asistencia.
Xornada 1. Novas tendencias no adestramento deportivo: plataforma vibratoria.
A primeira xornada formativa terá lugar o sábado 7 de maio, entre as dez da mañá e as dúas do mediodía, e centrarase no uso e aproveitamento da plataforma vibratoria profesional no adestramento deportivo. A fundamentación teórica correrá a cargo de Jesús Basanta Salguero, Licenciado e DEA en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, doctorando en traballo con plataforma vibratoria; e a formación práctica será ofrecida por Francisco Gómez, Personal Training con plataformas vibratorias e certificado por Power-Plate.
Xornada 2. Iniciación ao termalismo.
O sábado 14 de maio ofrecerase un curso de iniciación ao termalismo destinado a todos aqueles interesados en ampliar os seus coñecementos neste ámbito. Estructurarase a formación en oito horas, de 10 a 14:30h e de 16 a 20h, nas que se darán aportacións teóricas e prácticas. Antonio Freire, médico hidrólogo, director de Gala Termal e director médico do balneario Aguas Santas, e María José Casal xunto con Antía Márquez, Técnicos Superiores en Estética e formadoras de teoría e práctica en Gala Termal, serán os encargado de impartir o curso.
Xornada 3: Primeiros auxilios e uso do desfibrilador.
O terceiro sábado do mes, o 21 de maio, correrá a cargo de José L. García Soidán, Doutor e Licenciado en Mediciña e Cirurxía (Univ. de Santiago de Compostela), Profesor Titular da Universidade de Vigo, autor do “Manual de primeros auxilios aplicado a las situaciones urgentes del fútbol, fútbol sala y fútbol playa”, entroutras publicacións sobre Primeiros Auxilios, Salvamento e Socorrismo. Na súa charla, que se prolongará de 16 a 20h, aportará os seus amplos coñecementos en primeiros auxilios e centrarase en detalles sobre a correcta utilización do desfibrilador.
Xornada 4. Nutrición e suplementación no deporte.
O sábado 28 de maio será a quenda de falar sobre nutrición e suplementación no deporte. Pola mañá, de 11 a 13h, ofrecerase unha charla sobre suplementación a cargo de David García, adestrador, preparador físico, máster en nutrición deportiva, encargado do establecemento Natural Muscle Fitness e tendas Nutri-shop, e preparador do equipo de competición de fitness e físico culturismo da marca Perfect Nutrition; e a formación en nutrición enfocada ao deporte levarase a cabo pola tarde, de 16 a 20h, coa participación de José L. García Soidán, Doutor e Licenciado en Mediciña e Cirurxía (Univ. de Santiago de Compostela), Profesor Titular da Universidade de Vigo, autor de publicacións sobre nutrición e rendemento no xoven deportista.
Información e inscricións.
Os abonados poderán acceder LIBRE E GRATUITAMENTE ás xornadas, ata completar aforo. O prezo por asistir a todas as charlas é de 35€ para colexiados do COLEF Galicia, e de 40€ para o resto; o de 3 xornadas é de 30€ para colexiados, e de 35€ para outros; o de 2 é de 25€ para colexiados, e de 30€ para outros; e o de unha única xornada é de 15€ para colexiados do COLEF Galicia, e de 20€ para o resto. Máis información e inscricións no correo electrónico cursosformacion@multiusos.net ou no teléfono 981 568 160.

Pin It