O Grupo Encanto volve ao Multiusos Fontes do Sar para facer gozar coas súas músicas e coreografías aos nenos e nenas de Compostela, desta volta co seu novo show “Del 1 al 7”. O espectáculo estará en Santiago o sábado 26 de novembro, ás 18:30h, grazas á colaboración da Concellaría de Educación do Concello de Santiago. Cantajuego logrou esgotar as localidades nas súas dúas anteriores visitas ao recinto compostelán, con case 5.000 persoas en cada función vendo en directo o exitoso formato creado polo arxentino Pedro Zaidman. As entradas pódense mercar a través das canles de ticketing de Novagalicia Banco (902 43 44 43; www.novacaixagalicia.es) a un prezo de entre 17€ e 28€ dependendo da ubicación da butaca.
Un proxecto pedagóxico de éxito
CantaJuego converteuse nos últimos anos nunha das propostas musicais e didácticas preferidas polos nenos e pais. Trátase dun proxecto pedagóxico e musical en formato audiovisual, desenvolvido por especialistas na estimulación psicomotriz e o traballo psicopedagóxico. Especialmente orientado aos nenos e nenas de 0 a 6 anos, “Cantajuego” propón empregar a música e o movemento para poñer en funcionamento a imaxinación e a fantasía e, en definitiva, para axudar a desenvolver a psicomotricidade, potenciar o mundo afectivo e as relacións sociais.
Espectáculo “Del 1 al 7”
CantaJuego presenta nesta ocasión “Del 1 al 7”, o seu novo espectáculo no que conviven as cancións do seu novo DVD, e os éxitos dos seus seis traballos anteriores. Son 90 minutos de diversión en familia, co artista infantil máis exitoso das últimas décadas. Neste show o Grupo Encanto planifica as súas vacacións na granxa do seu amigo o Burro Pepe: xogos, cancións e adiviñanzas serán a clave para que “os CantaJuegos” e os seus simpáticos compañeiros de aventuras, “Buby la Ardilla Cotilla”, a “Vaca lechera”, o “Sapo Pepe” e a “Rana Juana”, o infaltable “Coco” e moitos máis, se organicen para viaxar á granxa e pasar así unhas divertidas vacacións, cheas de ritmo e alegría.
Cantajuego xuntou a case 10.000 persoas nas dúas actuacións anteriores no Multiusos
En total, preto de 10.000 persoas asistiron nas dúas visitas que realizou o Grupo Encanto ao Multiusos Fontes do Sar, os días 4 de xaneiro e 12 de decembro de 2010. A música e os movementos das súas cancións máis coñecidas (“Tallarín”, “La taza”, “El cocodrilo”…) e os múltiples villancicos que cantaron e coreografiaron, fixeron que os nenos e os pais o pasaran en grande. Unha sensación que se agarda repetir con este novo espectáculo o día 26 de novembro.