O concelleiro de deportes, Adrián Varela, visitou as instalacións do Multiusos Fontes do Sar para supervisar o comezo da obra que permitirá sumar dúas novas pistas de pádel ás tres xa existentes, e incorporar un peche perimetral ao complexo deportivo, nun momento de crecente demanda desta actividade.
Varela indicou na presentación que a execución desta remodelación por parte da concesionaria Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos S.L. (XADE) responde á «mellora presentada no seu proxecto, que contemplaba a construción de dúas pistas de pádel descubertas e o acondicionamento da zona verde que rodea a instalación», entre outros aspectos.
O edil precisou que se decidiu iniciar a obra agora ao observar un «aumento da demanda desta actividade no complexo», nun momento no que «os ratios de uso foron superados». Estímase que os traballos se prolonguen na zona durante «mes e medio ou dous meses», polo que se poderá comezar a xogar nas novas pistas, previsiblemente, a finais de xullo ou principios de agosto.
Na visita estivo tamén presente o subdirector do Multiusos Fontes do Sar, Antón Antelo, quen dixo que, na actualidade, «a ocupación das pistas ronda o 90%, con total cobertura nas horas punta, o que se pretende manter e incluso superar con esta obra de mellora».
Na actualidade pasan polas tres pistas de pádel e a cancha de tenis de Sar preto de 3.000 usuarios ao mes, tendo en conta as persoas que acoden a xogar libremente e as que asisten a cursiños. A incorporación das dúas novas pistas permitirá incrementar a oferta de cursos, organizar máis ligas e torneos, e aumentar de xeito considerable o número de usuarios.