Logo de máis de tres meses de apertura, este mércores 15 de setembro será o último día que abran as piscinas de verán Fontes do Sar. Nun verán cunha meteoroloxía inestable e marcado ao igual que o anterior polas medidas fronte ao Covid, o recinto rexistrou en total 25.896 usos, unha cifra lixeiramente superior á do ano pasado, cando se chegou ás 22.400 entradas. Por meses, agosto foi o que congregou maior número de bañistas, cun total de 10.956 persoas, e os días de maior afluencia de todo o verán foron o 25 de xuño e o 27 de agosto.
Para adaptarse á situación, o aforo das piscinas estivo limitado en todo momento e marcáronse parcelas delimitadas de 3×3 metros na zona de praia e no céspede cunha ocupación máxima de 2 persoas non conviventes, ou de 6 persoas en caso de membros da mesma unidade familiar. Como o verán anterior, mantivéronse as medidas de hixiene e seguridade, coa colocación de estacións de limpeza no recinto, o reforzo das tarefas de desinfección, e contouse con persoal de vixiancia para supervisar o cumprimento das normas. Asimesmo, favorecéronse os trámites online, de tal xeito que os abonados contaron cunha reserva preferente previa a través da web para asegurar a praza dende o día anterior.