De tanto falar do Pilates, das vantaxes do método, dos resultados desta disciplina sobre o noso corpo, de todo o bo que nos proporciona a súa práctica … de tanto mentar ao señor Joseph, ás veces, esquecemos que detrás desas sete letras máxicas para as ciencias do deporte do século XXI estaba unha persoa e, para máis sinais, un varón. Dígoo porque aínda hai quen pensa que o Pilates é a última moda dos ximnasios para as mulleres, o novo aerobic. E nada máis lonxe da realidade. O método naceu hai xa case un século para adestrar un corpo masculino e ten múltiples vantaxes na súa aplicación en homes.
Un Adonis a piques de romper
Cando alguén me sae con ese argumento, tan antigo e tan pouco científico, de que o Pilates é para mulleres, vénseme á cabeza un caso que me tocou moi de preto: un adestrador que contratei hai xa anos e que aínda forma parte do meu equipo. Licenciado en Inef, esculpido músculo a músculo a base de horas de pesas e peitugas de polo, o rapaz semellaba o espello no que calquera cliente dun ximnasio se querería mirar: oitenta quilos de pura fibra sobre os que se podería dar clase de anatomía. Iso si, era incapaz de atar os cordóns das zapatillas de deporte sen antes sentar.
A cousa sería de risa se non fose, en realidade, preocupante. O meu Adonis de ximnasio, acabados de cumprir os vintecinco anos, evitaba moitos movementos habituais, como baixarse a coller algo que lle caera ao chan, porque tiña medo a “quedarse clavado” (así o definía el), a “romper”, a lesionarse. Case arrastras, obrigueino a tomar clases de Pilates e a usar o Reformer dúas veces por semana. Nuns meses, sen perder tonicidade nin cambiar o seu musculado físico, o meu discípulo transformou a súa capacidade de movemento.
Porque estar en forma non é só ter músculos grandes e fortes. Tamén é preciso que sexan flexibles e resistentes, e que toda a musculatura profunda, xeralmente dormida baixo os grandes grupos musculares exteriores, se manteña cun tono axeitado.
Reformer, a máquina máis completa
Non me canso de insitir. Calquera que queira ter un corpo musculado e tonificado debería practicar Pilates en Reformer. Hoxe por hoxe é, tal vez, o único sistema de adestramento que cobre as necesidades de flexibilidade, resistencia, equilibrio, coordinación e, tamén, de fortalecemento muscular. Resulta unha técnica moito máis integral que calquera outro traballo de fitness, xa que ademais de traballar brazos, hombreiros, costas, peito ou pernas, exerce un traballo imprescindible da musculatura máis profunda do centro do corpo. Deste xeito, mantémonos en forma, previmos lesións e tonificamos o abdome sen ter que pasar tempo e tempo cos “abominables” abdominais.
Non é de estranar que deportistas da talla de Carles Puyol empreguen habitualmente o Reformer nos seus adestramentos. Con el, nos tamén conseguiremos:
• desenvolver moitos músculos pequenos que normalmente ignoramos nos nosos adestramentos cotiás. Ademais, cando incluímos o Reformer na nosa rotina semanal conseguimos multiplicar os efectos do noso traballo no ximnasio, porque aprendemos a adestrar sempre cunha correcta alineación, e así conseguimos facer máis intensas e efectivas as nosas sesións exercizos en pesas ou máquinas
• aliviar problemas de espalda. A atención especial que lle dá o Pilates á rexión lumbopélvica axuda á pelve a resituarse na súa posición neutral anatómica. Coa columna nesa posición somos quen de soportar mellor a resistencia do corpo, eliminando a compresión excesiva nos discos intervertebrais
• coller unha boa postura. Algo chave, sobre todo, para librarnos de dores lumbares, cervicais e da zona escapular. Aprender a permanecer ben posicionado axuda a ofrecer unha mellor imaxe, a semellar máis altos e mesmo máis fortes
• incrementar o rendemento deportivo noutras disciplinas coma o golf, tenis, natación, fútbol ou as esixentes probas de carreiras combinadas (triatlón, pentatlón, heptatlón…)
Practicar Pilates en Reformer axuda a mellorar o rendemento atlético dos homes, desenvolvendo toda forza e a flexibilidade dos seus músculos, facéndoos máis áxiles e axudándolles a traballar mellor no resto dos adestramentos cotiás do ximnasio, dándolles ademais máis concentración e coordinación nos deportes de equipo ou de precisión.