Cando se produciu o boom do Pilates houbo quen o chamou “o novo aeróbic”, unha disciplina chamada a asentarse case exclusivamente entre o público femenino dos ximnasios. De feito eu, que durante anos adestrei sobre todo homes, tamén o pensei nun primeiro momento: o Pilates era cousa de mulleres. Qué home ía querer facer aqueles exercizos propios de bailarinas? E non só iso: o Pilates era cousa de mulleres… maduras. Elas foron as que comezaron a encher as clases de Pilates. Primeiro en cidades coma Nova York ou Hollywood; despois, no resto do mundo.
A teima de que aquilo non era para min duroume ben pouco. Afondei no método e comprobei os seus efectos en min mesmo e noutros clientes varóns, deixei atrás os prexuízos e decidín recomendarllo a todos, homes e mulleres, de calquera idade.
Pero, finalmente, a formación e a experiencia volveume facer reflexionar sobre aquela primeira impresión. E decateime de que non andaba tan descamiñado. Porque o Pilates ofrécelles resultados a todos os que o practican pero, se analizamos polo miúdo, en realidade, a poboación que máis partido lle pode sacar ao método, en termos de saúde no presente e a medio e longo prazo, son precisamente as mulleres. Non en van, algunhas doenzas que se manifestan, con prevalencia, nas mulleres de idade adulta, como a osteoporose ou a fibromialxia, poden ser tratadas co Pilates e, moi especialmente, co uso das máquinas Reformer deseñadas para este método.
Tratar a fiobromialxia con Pilates
As máquinas Reformer empréganse desde hai algún tempo para a abordaxe terapéutica da fibromialxia. O uso destes elementos permite:
• O alongamento axial da columna
• A organización dos segmentos cabeza-pescozo-cintura escapular e os de pelve-columna
• O correcto aliñamento articular, para un movemento eficiente e para a integración funcional dese movemento
• A mellora da respiración, volvéndoa controlada e fluída
Para unha persoa con fibromialxia, amosarlle algo tan sinxelo –aparentemente- como integrar a cabeza no tronco pode axudar a que incremente a estabilidade do pescozo nos movementos de gran amplitude, así como nas posicións estáticas (ambos mecanismos, cando faian, están implicados na aparición de problemas).
Ademais, a integración do tronco coas extremidades permite a máxima produción de forza nesas extremidades. Isto resulta especialmente importante nas actividades cotiás. O poder da combinación de estabilidade no núcleo, articulación da columna e integración da extremidade superior e inferior proporciona o entorno óptimo para que podamos desenvolver sen problemas a actividade do noso día a día.
Diante da fibromialxia, respira fondo… e medra!
Como vimos, o Pilates Reformer axúdanos a respirar de xeito controlado e fluído. Aínda que pareza mentira, moitos adultos respiran mal por estrés, ansiedade… Respirar é moito máis ca tomar aire e soltalo. Facelo correctamente facilita a articulación da columna vertebral, ademais de previr lesións e facilitar o deslizamento escapular.
As máquinas axudarannos tamén a conseguir o alongamento axial (ou sexa, o alongamento da distancia entre vértebras) e a liberar tensión na zona. Cando a tensión entre os hombreiros e a columna dorsal é demasiado intensa pode causar un trastorno nesta parte do corpo, poñendo en perigo vértebras, articulacións e músculos intercostais. De aí a importancia dunha boa postura, que nos permitirá aliñar o colo co tronco, relaxando a zona cervical e tamén a torácica; e, á vez, aliñar as extremidades, tanto superiores coma inferiores, o que resulta de suma importancia para que a trasferencia de forzas sexa eficaz.
Máis fortes, máis definidas e máis delgadas
Tendo en conta que o Pilates mellora a circulación de todo o corpo, tamén aumenta a absorción do calcio e diminúe a dor causada por vicios posturais e hernias, axudando a previr a osteoporose, a dor de costas e a fibromialxia.
Como fortalece os músculos, o Pilates con Reformer evita, ademais, fracturas se xa se produciu diminución de masa ósea. E, ademais, ao traballar fundamentalmente co abdome, os músculos desa zona tan difícil de modelar tonifícanse, e reducen volume do contorno de cintura.
Así que xa saben: todas as superwoman deberían incluír un Reformer, como os que temos en Sar, nas súas vidas… E os homes tamén! A próxima semana descubrirémosvos por qué os varóns deberían facer Pilates en máquina, cun artigo no que veremos cómo deportistas de elite, coma o barcelonista Pujol, empregan o Reformer para estar a punto e curar moito máis rápido as súas lesións.