No templo de Apolo, en Delfos, estaba escrita a frase “Coñécete a ti mesmo”. Esa é unha premisa básica que debemos ter sempre presente, tamén se queremos adelgazar.
Se antes de poñernos á tarefa de perder peso e de cambiar a nosa silueta dedicamos un tempo a pensar cómo somos, por qué temos o aspecto que temos, e ónde queremos chegar todo será máis doado.
A cousa semella de perogrullo pero non o é. Poñamos un exemplo: esa compañeira de ximnasio cun busto e unha cintura envexables pero coas cadeiras e as pernas grosas, que deixa a pel na cinta e na elíptica, que está puntual coma un reloxo día si e día tamén ás portas da clase de step, que xura e perxura que só cea leituga… e que, polo que vemos na ducha ao rematar a sesión, non baixa nin un gramo desde que a coñecemos hai tres anos. Qué fai mal?
O primeiro, non coñecerse a si mesma. Unha muller que acumula graxa nas cadeiras e as pernas non cambiará a forma do seu corpo se non deixa de facer aeróbicos e de pasar fame. Está comprobado que coa actividade cardiovascular e de resistencia quéimase graxa de todo o corpo (incluídas partes das que tal vez non nos interesa perder volume, como a cara ou o peito) pero queda intacta, precisamente, a das cadeiras e a parte alta das pernas. Isto débese a que nesa zona hai poucos receptores de adrenalina, que é a substancia que mobiliza os lípidos cando facemos este tipo de exercizos. Para rebaixar unha silueta de tipo “pera” deberemos optar por unha alimentación saudable e por incluír sempre na nosa rutina exercizos anaeróbicos: esforzos intensos pero de curta duración como carreiras rápidas, adestramento por intervalos e ¡pesas!, ¡moitas pesas! que nos axudarán a perder graxa destas zonas de reserva femininas.
As pesas, cousa de mulleres
Poucas mulleres se atreven a coller as mancuernas e as pesas, e traballar co que tecnicamente denominamos “peso libre”. A meirande parte das clientas femininas escollen, para adestrar forza e tonificar, outras opcións como as clases de body pump ou de tono. E as que adestran por libre optan, en todo caso polas máquinas de musculación.
Se acabamos de chegar ao ximnasio ou a traballar con peso pode ser boa idea comezar nesas clases dirixidas ou pedirlle a un monitor de sala que nos deseñe un circuíto que nos obrigue a ir dunha máquina noutra traballando grandes grupos musculares. Pero para conseguir transformar o noso corpo ¡non queda outra que traballar con peso libre!
Seguir queimando graxa despois da ducha
O debate entre recomendar adestrar con máquinas ou pesas, entre os profesionais do fitness, é todo un clásico. Algo así como “Beatles ou Rolling”, “Real Madrid ou Barça”, “automático ou con marchas”. As máquinas teñen un patrón de movemento determinado. Iso limita o rango de movemento individual e fai que a persoa se teña que axustar ao rango de movemento da máquina. Polo xeral, eu, como adestrador, recomendaría máquinas só aos principiantes que fan programas de acondicionamento físico. Así poden dosificar a carga e ter máis control sobre os seus movementos. Unha vez superada a fase inicial, non teño dúbidas: a polo traballo con peso libre!. Traballar con barras, mancuernas, discos ou balóns medicinais involucra máis fibras e máis cantidade de masa muscular, e actúa sobre as fibras máis profundas. E deste xeito non só tonificamos senón que, ao final, conseguiremos máis estabilización, máis coordinación, máis propiocepción e elevar o metabolismo do noso corpo, que seguirá gastando calorías a bo ritmo durante as seguintes 48 horas. ¡Mesmo estando en repouso!
O mellor, para baixar volume nesas zonas difíciles, sobre todo as da obesidade tipicamente feminina, é esquecerse de pasar fame para evitar o “efecto rebote”, adestrar pesas e, acto seguido, darnos caña con 45 minutos de traballo cardiovascular. Sendo constante conseguirás cambiar para sempre a frase coa que comezabamos este artigo porque “non te coñecerás nin ti mesma”.