O Multiusos Fontes do Sar será escenario este venres, 25 de novembro, dun espectáculo que terá como máximo protagonista ao artista barcelonés Juan Magan. As portas abrirán para a entrada do público ás 20h, a mesma hora na que dará comezo o show coa actuación do Dj galego Marcos Magán; arredor das 22h será a quenda de Dj. Rivero, e a partir das 23:30h terá lugar o concerto de Juan Magan. Todo isto estará aderezado coas performances de Pablo Méndez, que ofrecerá catro interpretacións con coreografías impactantes.
As entradas pódense adquirir na web de Novagalicia Banco e no teléfono 902 43 44 43, a un prezo de 18 €. Está prohibida a entrada a menores de 16 anos que non vaian acompañados dun adulto que se faga responsable.
Juan Magan ten traballado como produtor, remixer, DJ, compositor e cantante. O seu último hit foi o tema “Bailando por ahí”, un dos maiores éxitos do verán 2011, que ocupou os postos máis altos da lista das cancións máis vendidas en España e foi Disco de Ouro e nº1 nos 40 Principales e na lista Spotify España, con máis de tres millóns de visitas ao seu vídeo en YouTube. Nos últimos tres anos Juan Magan tivo máis de 30 millóns de plays en YouTube, ten máis de 30.000 fans en Facebook, de 18.000 en Twitter e de 700.000 visitas en MySpace.
Juan Magan ten colaborado con Shakira, Juanes, Nelly Furtado, Enrique Iglesias, Paulina Rubio, Diego Torres, Alejandro Fernández, Luis Fonsi, Carlos Baute, Soraya, Don Omar ou Pitbull. O seu espectáculo foi visto en escenarios de todo o mundo, dende Ibiza a Beirut pasando por Madrid, México DF, París, Tirana, Milán, Barcelona, Dubai, Londres, Bucarest, Lisboa, San Francisco, Munich, Rabat, Ginebra, Marsella, Lima, París, Quito, Miami, Saint Tropez ou El Salvador.