O Multiusos Fontes do Sar incorporou recentemente unha nova actividade dirixida á súa oferta: a bailoterapia. Trátase dunha mestura entre o aeróbic e o baile moi accesible para tódolos públicos que está conseguindo moitos seguidores. A cargo da clase, que se imparte tódolos xoves ás 17:05h e venres ás 11:15h, está a instructora Ana Martínez.
¿Que é a bailoterapia?
A bailoterapia é unha fusión entre o aeróbic e pasos de danzas como a salsa, o merengue, o mambo… Diríxese a un público amplo e heteroxéneo, pois conta con coreografías de doada execución que resultan accesibles para calquera persoa. As clases desenvólvense ao ritmo de cancións de actualidade e o seu obxectivo principal é a diversión de tódolos asistentes ao tempo que realizan unha actividade física saudable.
¿De onde provén?
Orixinalmente a bailoterapia procede de Venezuela e dende hai uns meses está logrando unha moi boa acollida en instalacións deportivas de toda España. Nalgúns lugares bautizouse como “zumba”.
¿Que logramos asistindo a esta clase?
No Multiusos Fontes do Sar a actividade impártese os xoves ás 17:05h e dura aproximadamente unha hora. Neste tempo lógranse queimar ata 900 calorías, co que resulta unha clase moi útil se o que buscamos é baixar peso. Asimesmo, acudindo a esta actividade conseguimos mellorar a musculatura das pernas e aumentar as capacidades cardio-respiratorias dunha maneira progresiva. Amais, axuda a liberarnos do estrés, a mellorar o noso estado físico e a aumentar a nosa autoestima.