O cantautor catalán visitou o domingo 2 de maio o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, nun concerto promovido polo Multiusos Fontes do Sar e copatrocinado por Fundación Caixa Galicia e Xacobeo 2010. Arredor de 1.300 persoas aplaudiron con ímpetu o magnífico recital que ofreceu sobre o escenario.
O cantautor estivo acompañado na súa actuación de seis músicos baixo a dirección do mestre Ricard Miralles, o fiel e amigo pianista, José Mas Kitflus nos teclados, Vicente Climent á batería e percusións, Israel Cuenca ás guitarras, Olvido Lanza á viola e Víctor Merlo ao contrabaixo e baixo eléctrico. No fondo do escenario había tres pantallas xigantes nas que se proxectaron videoclips relativos á poesía de Hernández filmados por prestixiosos directores de cine españois, coma Manuel Gutiérrez Aragón, José Luis Garci ou Isabel Coixet, entroutros.
O cantautor, poeta e músico español Joan Manuel Serrat, unha das figuras máis salientables da canción moderna tanto en lingua española coma catalana, homenaxea ao poeta Miguel Hernández no seu novo disco, “Hijo de la luz y de la sombra”, con motivo do centenario do seu nacemento en 2010. Os arreglos do álbum, que veu a luz o 23 de marzo, foron realizados por Joan Albert Amargós. En palabras do propio Serrat, “hai creacións de xuventude como ‘La palmera levantina’, ‘Ay del ay por el ay’, ‘El silbo del dale’, ‘Las abarcas desiertas’ ou ‘Tus cartas son un vino’; e tamén outros da guerra, como ‘Canción del esposo soldado’, ‘El hambre’ ou unha homenaxe que fixo aos brigadistas internacionais que titulei simplemente ‘Canción’”.