Logo de dúas semanas e media de acondicionamento trala época estival, as Piscinas Fontes do Sar volven abrir na súa versión de inverno, coa carapucha posta. Será no seu horario habitual, dende as sete da mañá ata as once da noite, para acoller os numerosos cursos de natación programados e para que os abonados do Multiusos Fontes do Sar e os usuarios que non o son (previo pago da correspondente entrada) poidan empregar de novo o vaso para o nado libre.
Acondicionamento da instalación
O 11 de setembro pechaban as piscinas de verán para iniciar os traballos de acondicionamento da instalación, que se centraron en varios eidos: montaxe do globo presostático que recubre as piscinas, colocación de aneis de reforzo para conseguir unha maior estabilidade do globo, pintado da zona de praia para mellorar a estética, mellora do aspecto da recepción da instalación…
Inicio dos cursos de natación
Os cursiños de natación comezarán a partires de mañá e ao longo da semana (dependendo do grupo do que se trate), tanto nas piscinas Fontes do Sar coma nas do Complexo Deportivo Santa Isabel. Todas as prazas están ocupadas. De feito, para atender adecuadamente aos grupos haberá cursos que estean impartidos por ata catro instructores. En total, entre abonados e non abonados, no recinto de Sar hai máis de 850 persoas inscritas aos cursos e no de Santa Isabel case 700.