Alejandro Sanz cativou ás 9.000 persoas que ateigaron o Multiúsos na primeira parada de El Tren de los Momentos. O concerto, patrocinado por CAJA DUERO, XACOBEO, CONSORCIO DE SANTIAGO E ESTRELLA GALICIA, iniciou a xira española do artista. A locomotora arrancou con forza ás dez e media coa canción que pon título ó seu último traballo, e botou fume durante as dúas horas e cuarto e os 19 temas que durou o recital. O cantante madrileño regalou moito do seu seu sétimo elepé («A la primera persona», «Enséñame tus manos» e «La peleíta» foron das máis coreadas) e bastante dos seus grandes éxitos. Cunha posta en escena impecable, Sanz volveu namorar co seu «Corazón partío» e co popurrí deses temas archicoñecidos que forman parte da banda sonora das nosas vidas.
O momento máis apoteósico chegou coa aparición de Shakira en «Te lo agradezco, pero no». Cunha intervención breve pero contundente, a colombiana meteu ó público no peto coa súa calidade vocal e coa súa imponente presencia. Como unha estrela fugaz, deixou que seguira brillando a verdadeira luz que encandilou nesta noite ó público galego. Unha escenografía impresionante, un xogo de luces moi coidado e 14 músicos de luxo puxeron o broche de ouro a unha xira que comezou en Santiago pisando forte.
4 de agosto
9.000 persoas