O equipo do IES Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela, converteuse no gañador da II Liga Galega de Debate, unha competición intelectual con formato deportivo organizada pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e que se celebrou nas instalacións do Multiusos Fontes do Sar.
O equipo campión foi galardonado cunha viaxe polo País Vasco e un ordenador portátil para cada integrante do equipo. Ademais, 40 alumnos dese centro disfrutarán tamén desa mesma viaxe. O segundo clasificado desta competición, o IES Vilar Ponte, de Viveiro, obtivo unha Wii para cada integrante do equipo. Tamén se concederon premios de oratoria, grazas á colaboración de Deloitte, que recaeron en Ana Ferreiro, do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e Elena Castro, do IES Rosalía de Castro.
Nesta II Liga Galega de Debate competiron un total de 48 equipos de centros educativos de toda Galicia. O obxectivo: fomentar entre os estudantes galegos os debates de competición, é dicir, enfrontamentos dialécticos nos que dous equipos se enfrontan defendendo a postura a favor ou en contra dun determinado tema. ¿Están as Administracións públicas afrontando eficazmente o problema do consumo de drogas (legais e ilegais) nos adolescentes?: Este foi o tema sobre o que arrincou a última fase da competición na que se enfrontaron os equipos finalistas. O equipo de xuíces estivo formado por destacadas personalidades no eido da comunicación e o dereito, así como expertos e campións en diversas competencións de debates.