Practica Ioga en parella. Esta semana incorpórase ao abano de actividades dirixidas do Multiusos Fontes do Sar o Ioga en parellas. Nesta clase os asistentes terán a oportunidade de establecer unha relación interdependente e poderán beneficiarse das numerosas vantaxes que conleva esta práctica coa colaboración dun compañeiro. A través de diversas posturas realizaranse estiramentos, estimularase o equilibrio, a respiración, a comunicación e a autoconfianza.
Unha disciplina que favorece a vitalidade e a motivación do usuario. As posturas de estiramento consciente, a amplitude respiratoria e as técnicas de relaxación características do Ioga, dotan ao noso corpo de maior flexibilidade, vitalidade e equilibrio interior. Se esta actividade se leva a cabo en parella, a todos estes beneficios se engaden os derivados do contacto corporal, positivos para a nosa afectividade. A actividade favorece as relacións cos compañeiros/as e o respecto aos demais.
Unha práctica que radica no Hatha Ioga. O Ioga en parella enmárcase na modalidade do “hatha yoga” ou ioga físico que consta de asanas (posturas corporais de estiramento) exercicios respiratorios e técnicas de relaxación consciente. A finalidade deste tipo de ioga é a liberación e o equilibrio da enerxía do noso corpo a través das posturas corporais de estiramento. O ioga en parella baséase en posturas do denominado hatha yoga realizadas por dúas persoas que realizan a mesma asana ou asanas que se complementan. Ao realizalas prodúcese unha transmisión de enerxía entre os dous coma se dunha reacción química se tratara.
Principios para a correcta execución. Débese manter unha respiración repousada, pois parte da enerxía que penetra no corpo faino a través da respiración lenta e tranquila, por tanto en cada asana tense que procurar respirar con normalidade, lentamente. Tentarase manter o corpo relaxado, aprender a ter control para sentir que partes se están a traballar. Cada un debe chegar ata onde o seu corpo lle pide, sen competición, adquirir a postura e gozar das boas sensacións. Buscarase a máxima concentración para aproveitar todos os beneficios derivados da actividade.
O Ioga en parellas mellora o autocoñecemento e a confianza nos demais. A asistencia regular a clases de Ioga en parella conleva numerosos beneficios. Entre outros, diminúe a fatiga, aumenta a capacidade respiratoria, aumenta a enerxía, favorece a comunicación e a cooperación entre os alumnos, incrementa a confianza nos demais, mellora a forza e a flexibilidade, axuda á relaxación, mellora a circulación, favorece a desinhibición… O feito hecho de que na actividade exista un contacto persoal permite o desenvolvemento afectivo e o equilibrio emocional da persoa.