Este verán os nenos e nenas de Compostela puideron desfrutar da programación multidisciplinar do primeiro Campus Sar, que tivo lugar no Multiusos Fontes do Sar entre o 25 de xuño e o 10 de setembro. Máis de 200 rapaces participaron desta iniciativa, que se espera repetir noutros períodos vacacionais, como o Nadal ou a Semana Santa.
As actividades deportivas, a natación e o inglés centraron a formación e o entretemento dos máis pequenos, aínda que tamén houbo tempo para obradoiros, baile ou xogos cooperativos. Amais, os nenos pasárono en grande nas sesión extraordinarias que se organizaron ao final de cada semana. Desfrutaron dunha clase de zumba, outra de capoeira, de combat, de aquagym, de bailoterapia, e dunha gran festa con hinchables.
Este primeiro campamento estival estivo destinado aos rapaces e rapazas de entre 4 e 12 anos de idade. Das once semanas nas que se celebrou, a primeira de xullo foi a que concentrou un maior número de nenos, con máis de 80. Amais de favorecer a conciliación familiar, o Campus Sar axudou a que os nenos puideran coñecer e practicar diversos deportes; mellorar en determinadas disciplinas, coma o tenis, o pádel ou a natación, e descubrir diferentes formas de divertimento, cooperación e traballo en equipo.