No seu afán por expandir as súas programacións, o festival Vilablues, que nas 6 edicións que leva realizadas, ten recalado en Vilagarcía de Arousa e Noia, fai agora escala en Santiago de Compostela para presentar na súa edición ‘Vilablues no Barrio’ a unha lenda do rock internacional como é Bonnie Tyler.
A actuación da cantante galesa, que será a única en Galicia, terá lugar o martes 7 de decembro (véspera de festivo) no Multiusos do Sar. O concerto é posible grazas a colaboración do Xacobeo 21-22 e da Xunta de Galicia, que seleccionou o proxecto coa máxima puntuación dentro da liña de axudas postas en marcha para paliar os efectos da crise do covid-19 nas empresas do sector musical.
Bonnie Tyler chega a Santiago para presentar o seu último disco, «The best is yet to come» (O mellor está aínda por vir), toda unha declaración de intencións que a artista galesa reafirma cando di: “Estou moi feliz e orgullosa deste novo álbum. É simplemente rock pero debuxa un sorriso na miña cara cada vez que o poño. Agardo que estas novas cancións lles levanten o ánimo. O momento no que poida ver as súas caras sorrintes será moi especial. Prometo que o mellor está por vir”.
A apertura de portas será ás 20 horas. Ás 20.45 h subirán ao escenario Blues do País, dúo formado por Bieitta James e Pepe King, que ofrecen un repertorio de reinterpretacións de clásicos do blues adaptadas á idiosincrasia galega.
O concerto de Bonnie Tyler dará comezo ás 22.15 h. Tanto a actuación de Blues do País como a de Bonnie Tyler estarán precedidas por sendas sesións de Duendeneta Dilleis.
ENTRADAS
As entradas saen á venda ás 17.00 horas de mañá martes a través da woutick.es e terán prezos graduados:
As primeiras 100 entradas venderanse a 15 euros (+gastos de xestión).
As 100 seguintes venderanse a 20 euros (+gastos de xestión).
Os prezo destas primeiras 200 entradas será o mesmo independentemente de que se escolla Pista ou Bancada.
No seguinte treito, ata cubrir as 1.000 primeiras entradas os prezos serán de 22 euros en bancada e 27 euros en pista (+gastos de xestión).
A partir dese momento e ata pechar a venda anticipada os prezos quedarán establecidos en 25 euros en bancada e 30 euros en pista (+gastos de xestión).
O prezo das entradas no despacho de billetes do pavillón o propio día do concerto será 30 e 35 euros segundo a zona escollida.
O MELLOR ESTÁ POR VIR
«The Best Is Yet to Come» é o seu oitavo álbum de estudo de Bonnie Tyler, para o que traballou de novo con David Mackay, produtor do seu anterior disco “Between The Earth and The Stars” (2019).
Trátase dun disco de estilo pop-rock con marcadas influenzas dos anos 80 que inclúe cancións orixinais e catro versións.
Bonnie Tyler explica sobre o seu novo disco: «Estiven ansiosa por cantar para todos vós durante os últimos 10 longos e aterradores meses. Doume conta de que algúns de vós sufristes o virus e a perda de familiares e amigos, e dóeme o corazón por vós. A música pode aliviar a nosa carga e é sempre o meu refuxio persoal. Espero que estas novas cancións vos levante
A lendaria Bonnie Tyler, posuidora dunha voz moi característica, ten unha carreira notable que sobrepasa as cinco décadas. Os seus maiores éxitos chegáronlle na década dos 80 con cancións que xa forman parte da historia musical do século XX como «It’s a heartache», «Total Eclipse of the Heart», «Holding Out for a Hero», «If You Were a Woman (And I Was a Man)», coas que vendeu máis de 100 millóns de discos.