Logo de case tres meses de apertura, este domingo 13 de setembro será o último día que abran as piscinas de verán Fontes do Sar. Nun verán cunhas condicións atípicas debido ao Covid, o recinto rexistrou en total 22.400 usos, sendo o 30 de xullo o día de máxima afluencia, con 755 persoas ao longo da xornada. A cifra é un 25% inferior á do ano pasado, cando se contabilizaron 29.990 usos.
Para adaptarse á situación, o aforo das piscinas estivo limitado en todo momento e marcáronse parcelas delimitadas de 3×3 metros na zona de praia e no céspede cunha ocupación máxima de dúas persoas ou de 4 en caso de dous adultos con nenos convivintes. Nesta edición, asimesmo, incorporáronse novas medidas de hixiene e seguridade: colocáronse estacións de limpeza no recinto, reforzáronse as tarefas de desinfección, sumouse persoal de vixiancia para supervisar o cumprimento das normas…. Asimesmo, favorecéronse os trámites online, de tal xeito que os abonados contaron cunha reserva preferente previa a través da web para asegurar a praza dende o día anterior.