Despois duns días de acondicionamento as piscinas Fontes do Sar abriron as súas portas o mércores 17 de xuño sen o globo presostático que as cubre durante o inverno para que poidan ser utilizadas na época estival. As instalacións estarán a disposición de todos os usuarios de luns a domingo, incluidos os días festivos, en horario de once da mañá a nove da noite, e poderán ser utilizadas libremente polos abonados/as do Multiusos Fontes do Sar e C.D. Santa Isabel, e polo resto de cidadáns previo pago da súa entrada.
As piscinas de verán Fontes do Sar contan con tres vasos: un vaso “de competición” de 425 m³ de lámina de auga, un vaso de aprendizaxe de 445 m³ de lámina de auga, e un vaso de chapoteo de 120 m³ de lámina de agua que se usa exclusivamente no verán. Teñen unha ampla zona de vestiarios, unha enfermería e unha cafetaría, que só permanece aberta durante a época estival. Todos os usuarios que acudan ás piscinas teñen que levar bañador, gorro de baño e chancletas, e deben cumprir unha serie de normas, tales como ducharse antes de entrar na auga, non usar colchonetas ou non tirarse á auga de cabeza. Amais, os menores de 8 anos deberán estar acompañados dun adulto durante o uso libre do vaso deportivo.
Os abonados do Multiusos Fontes do Sar e do Complexo Deportivo Santa Isabel poderán acceder libremente á instalación co seu carné de abonado. As persoas que non estean inscritas en ningún dos dous centros, deberán pagar a súa correspondente entrada: os rapaces de entre 3 e 6 anos pagarán 2 €; os que teñan entre 7 e 16, aboarán 2,40 € por xornada; os adultos de entre 17 e 60 anos pagarán 3,70 € pola entrada; e a partir dos 60 anos o prezo será de 2€.