MELENDI ofrecerá este sábado no Multiusos o seu único concerto programado en Galicia

MELENDIweb

O asturiano Melendi celebra neste ano 2014 unha década de éxitos sobre os escenarios, e para conmemoralo ten preparada unha xira de concertos que fará unha única parada en Galicia, no compostelán Multiusos Fontes do Sar. Será o sábado 14 de xuño a partir das 22 horas. A entrada anticipada, a un prezo de 22€ + gastos, pódese adquirir a través da web www.entradas.com, no servizo de ticketing de Novagalicia Banco, na recepción do Multiusos Fontes do Sar e no punto de atención ao cliente do centro comercial As Cancelas, na planta 0, en horario de luns a sábado de 10:00 a 21:00 horas.

O cantantautor nacido en Oviedo ofrecerá dúas horas de actuación cunha espectacular posta en escena de luces e son. O seu concerto será un repaso por todos os grandes éxitos da súa carreira, dende os máis actuais aos dos inicios, como “Caminando por la vida”, “Sin noticias de Holanda”, “El Informe del Forense”, “Desde mi ventana”, “Un recuerdo que olvidar”, “Novia a la fuga”, “Gangs of London”, “Kisiera yo saber”… E moitas outras que Melendi non toca en directo nos últimos anos e que serán unha homenaxe a todos os seguidores que despois de tanto tempo seguen asistindo aos seus concertos coa mesma enerxía que en 2004. Melendi conta con 6 discos no mercado e máis de 1.500.000 copias vendidas. No seu percorrido musical ten recollido multitude de galardóns, como o premio Ondas, o premio da Música ou premios 40 Principales.

Servizo de transporte urbano
Con motivo do concerto o sábado haberá un SERVIZO LANZADEIRA de xeito continuado, a partir das 19:00 e ata as 22:00, hora de inicio do concerto. O punto de saída será a rúa de Ramón Piñeiro, no lateral do Parlamento de Galicia. Amais, para chegar tamén se poderá optar polas seguintes liñas: • LIÑA C11 (circular de Fontiñas): accederá ao multiusos Fontes do Sar en todas as saídas do Centro Comercial As Cancelas comprendidas entre as 18:45 e as 21:15. Esta liña conta cunha frecuencia de 15 minutos ao longo de todo o día. As paradas máis céntricas para acceder a ela sitúanse na rúa Xeneral Pardiñas (paradas 673 e 674), praza de Galicia dirección Norte (parada 409), rúa da Ensinanza (parada 228) e rúa Virxe da Cerca nº 10 (parada 662). • LIÑA C5 (polígono de Costa Vella – Amio – Fontiñas – praza de Galicia – Paxonal – multiusos Fontes de Sar – Amio – polígono de Costa Vella): esta liña funciona ao longo de todo o día cunha frecuencia de 60 minutos, servindo tamén de alternativa para chegar ao multiusos desde o centro da cidade ou das zonas de Amio e Paxonal. As saídas do polígono son ás e media de cada hora, e as paradas máis céntricas para acceder a ela sitúanse na rúa Virxe da Cerca (parada 661), rúa Fonte de San Antonio nº 3 (parada 247), praza de Galicia dirección Sur (parada 410) e rúa da Rosa (parada 479). Ao remate do concerto, manterase o SERVIZO LANZADEIRA desde o multiusos con destino á rúa de Ramón Piñeiro (lateral do Parlamento de Galicia).

Pin It