O MARTES 8 DE XUÑO ABREN AS PISCINAS DE VERÁN FONTES DO SAR

A partir do vindeiro martes as piscinas de verán Fontes do Sar estarán a pleno funcionamento no seu horario de sempre, de luns a domingo de once da mañá a nove da noite, para que as persoas que o desexen poidan desfrutar do bo tempo con todas as medidas de hixiene e seguridade en activo. O acceso será gratuíto para abonados e abonadas do Multiusos Fontes do Sar e C.D. Santa Isabel, mentres que os que non están inscritos aos centros terán que pagar a correspondente entrada.

Para celebrar o inicio da tempada a piscina acollerá o martes dúas clases de Zumba a cargo da instrutora dos centros Ana Martínez, ás 11:15 e 17:00h, nas que previamente haberá que reservar praza.

Nesta edición, ao igual que na anterior, os abonados e abonadas contarán cunha reserva preferente previa para asegurar a praza en piscina, que poderán facer de xeito online dende o día anterior na páxina web multiusos.net. As persoas non abonadas e as que aínda séndoo non fixeran reserva online, deberán asistir de xeito presencial á recepción das piscinas.

▪ RESERVA PREVIA ONLINE (dende o día anterior). Só abonados/as.

▪ TRÁMITE PRESENCIAL EN RECEPCIÓN (o mesmo día). Abonados/as e non abonados/as.

O aforo do recinto estará limitado ao 50% e o dos vestiarios ao 30%. Existen parcelas delimitadas de 3×3 metros cunha ocupación máxima de dúas persoas non conviventes ou ata 6 persoas da mesma unidade familiar, tanto na zona da praia da piscina coma no céspede. Asimesmo, ubicaranse estacións de limpeza en varios puntos do recinto e realizarase unha desinfección constante das zonas de uso. Os usuarios e usuarias, amais das normas habituais, deberán levar máscara sempre agás cando se atopen dentro da súa parcela ou dentro do vaso da piscina, deberán respectar en todo momento a distancia social, e recoméndase que poñan as gafas ao bañarse polos niveis de cloro, que se atopan no rango alto, dentro dos marxes establecidos por Sanidade. Amais, haberá persoal de vixiancia para supervisar o cumprimento das normas.

As piscinas de verán Fontes do Sar dispoñen de tres vasos: un “de competición” de 425 m³ de lámina de auga, outro de aprendizaxe de 445 m³ de lámina de auga, e un terceiro de chapoteo de 120 m³ de lámina de agua que se usa exclusivamente no verán. Contan cunha ampla zona de vestiarios, unha enfermería e unha cafetaría, que só permanece aberta durante a época estival. Todos os usuarios que acudan ás piscinas teñen que levar máscara, bañador, gorro de baño e chanclas, e deben cumprir unha serie de normas, tales como ducharse antes de entrar na auga, non usar colchonetas ou non tirarse á auga de cabeza. Amais, os menores de 12 anos deberán entrar acompañados dun adulto.

 

 

Pin It