Un total de 750 rapaces e rapazas desfrutaron durante este verán do Campus Sar, o campamento multidisciplinar que se desenvolve nas instalacións do Multiusos Fontes do Sar. O vindeiro martes 10 de setembro, último día antes da volta ás aulas, pechará a súa actividade cunha gran festa de despedida, na que haberá inchables, camas elásticas, obradoiros de maquillaxe e globoblexia, xogos, clase de Zumba Kids e unha merenda saudable para todos os participantes.
A cifra de asistentes ao campus deste verán é a máis alta rexistrada dende que no 2013 se comezou con esta iniciativa. Os 750 rapaces que nesta séptima edición pasaron polo Multiusos Fontes do Sar supoñen case cen máis que no pasado verán, cando houbo un total de 655 nenos. As semanas de maior afluencia foron as dúas primeiras de xullo, cando se chegou ata os 400 participantes. O campamento contou cun equipo de traballo de máis de 50 monitores.
O Campus Sar, destinado a idades entre 4 e 14 anos, desenvolveuse entre o 24 de xuño e o 10 de setembro. A piscina, as actividades deportivas e os obradoiros centraron a formación e o entretemento dos máis pequenos, aínda que tamén houbo momento para outras actividades como o fútbol sala, o baloncesto, o baile, os xogos cooperativos, etc. Cada semana as actividades enfocáronse cara a temáticas diversas, como a reciclaxe, o espacio, o océano, xogos tradicionais, o Camiño de Santiago, os piratas, a seguridade viaria, o circo ou a alimentación saudable.
A festa de clausura do campamento celebrarase o martes 10 de setembro entre as cinco e as sete da tarde no hall principal do Multiusos Fontes do Sar. Están convidados todos os nenos que asistiron ao longo do verán, e cada un deles poderá traer un amigo.