Anótate na primeira carreira nocturna homologada de Santiago: a SANTYAGO10K!

BannerSantYaGo10KO sábado 9 de maio celebrarase en Compostela a primeira carreira nocturna homologada, SantYaGo10K, un circuito urbano de 10 kilómetros que transcorrerá principalmente polo casco vello da cidade. A proba está organizada polo Club de Atletismo Fontes do Sar e o Multiusos Fontes do Sar e C.D. Santa Isabel, e conta coa promoción do Concello de Santiago. Por ser abonad@ das instalacións tes un 50% de desconto na inscrición, polo que deberás pagar tan só 3€, e terás que formalizar a túa alta de forma presencial na recepción dos centros. 

A saída será na avenida de Xoán XXIII e os participantes pasarán polas rúas do Franco, Fonseca, Alameda, Virxe da Cerca e Praterías. A meta estará situada na praza do Obradoiro. A saída será ás dez da noite e a proba concluirá para o último corredor sobre as once e media. A carreira contará con dous padriños compostelanos: Esther Pedrosa e Carlos Casal, con moitos kilómetros nas súas pernas.
Haberá unha soa proba para todas as categorías, sendo preciso ser maior de 18 anos. As inscricións realizaranse online, na web oficial (www.santyago10k.es), e de forma presencial, na recepción do Multiusos ou en Santa Isabel. Ao tratarse dunha carreira homologada pola Federación Española de Atletismo, as marcas rexistradas serán válidas para competicións oficiais.
Haberá premios para os primeiros da xeral e trofeos para os primeiros de cada categoría. Tamén un premio especial para o mellor corredor empadroado en Santiago. Os vencedores das categorías masculina e feminina recibirán 200 euros; o segundo 100 e o terceiro 50. Percibirá 150 euros o club, empresa ou organización co maior número de participantes e outros 150 o que teña máis participantes femininas.
Pin It