O evento infantil dos domingos pola tarde no Multiusos Fontes do Sar, Multixogo, contará esta fin de semana cunha actividade extraordinaria para desfrute de toda a familia, unha gran clase da actividade Zumba Kids. A masterclass, que correrá
a cargo da profesora certificada Ana Fernández, terá lugar a partir das 17 horas do domingo na pista central do recinto, e nela poderán participar todos os que accedan ao parque infantil. Multixogo abrirá no seu horario habitual este domingo,
entre as 16 e as 20h, para que os nenos e nenas de Compostela poidan gozar ao máximo cos inchables, camas elásticas, manualidades, dardos, futbolíns, baloncesto, obradoiros, tenis de mesa e outras moitas actividades deportivas programadas.
A entrada é libre para os abonados do Multiusos Fontes do Sar e do C.D. Santa Isabel e ten un prezo de 10 € para os nenos non abonados aos centros. Zumba fitness, o programa de exercicios de baile inspirados na música latina con gran éxito
na actualidade, impártese nas instalacións deportivas xestionadas por XADE dende hai máis dun ano con gran demanda por parte do público, con máis de 50 persoas de media. Zumba Kids, unha versión adaptada ao público infantil con coreografías
máis doadas de executar para os máis cativos, incorporarase nos vindeiros días á ampla oferta de actividades dirixidas do Multiusos Fontes do Sar.