O Grupo Encanto visita de novo Santiago de Compostela para facer gozar coas súas músicas e coreografías aos máis pequenos, desta volta co seu novo show “A divertirse”. O espectáculo, promovido por XADE, estará no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia este sábado, 16 de novembro, en dúas sesións, ás 16:30h e ás 19h, grazas á colaboración da Concellería da Área de Servizos Sociais do Concello de Santiago.
O despacho de localidades do recinto abrirá o sábado de 15h a 20h para dispensar as últimas entradas á venda, a un prezo de 24€ e 18€ dependendo da ubicación da butaca.. Cantajuego foi un éxito nas súas tres anteriores visitas á cidade, con case 5.000 persoas en cada función vendo en directo o exitoso formato creado polo arxentino Pedro Zaidman.
Un proxecto pedagóxico de éxito
CantaJuego converteuse nos últimos anos nunha das propostas musicais e didácticas preferidas polos nenos e pais. Trátase dun proxecto pedagóxico e musical en formato audiovisual, desenvolvido por especialistas na estimulación psicomotriz e o traballo psicopedagóxico. Especialmente orientado aos nenos e nenas de 0 a 6 anos, “Cantajuego” propón empregar a música e o movemento para poñer en funcionamento a imaxinación e a fantasía e, en definitiva, para axudar a desenvolver a psicomotricidade, potenciar o mundo afectivo e as relacións sociais.
Espectáculo “A divertirse”
“A divertirse” é o novo espectáculo de CantaJuego que, como o seu nome indica, propón unha vez máis un entretido e colorido show. Novas cancións, novos personaxes e unha historia chea de ensoño, ritmo e moita diversión para toda a familia. Coma sempre, o grupo EnCanto desplega a súa gran enerxía e compromiso cos nenos e nenas, interpretando cancións do seu novo dvd e tamén os éxitos que os converteron no grupo infantil máis importante das últimas décadas.