O 28 de xullo, dentro do programa de Festas do Apóstolo 2011, o sexteto Vetusta Morla ofreceu unha actuación na compostelana Praza da Quintana que estivo promovida por XADE. Co cartel de entradas esgotadas, o grupo madrileño de pop-rock independente presentou ante máis de 5.300 persoas o seu último disco, “Mapas”, co que están a percorrer con gran éxito boa parte da xeografía española.
“Los días raros” deu inicio a un concerto de máis de dúas horas de duración no que a banda de Tres Cantos despezou o seu último álbum e boa parte do seu exitoso primeiro traballo. Cancións coma “Copenhague”, “Valiente”, “Un día en el Mundo”, “Lo que te hace grande”, “Maldita dulzura”… soaron na praza da Quintana entre a euforia do público, que despediu aos madrileños con satisfacción no seu peche coa exultante “Año nuevo”.
“Mapas” é o segundo LP da banda tralo seu debut, “Un Día en el Mundo”, un dos discos con mellor acollida entre o público e a crítica do pop-rock independente nacional nos últimos tempos e polo que recibiron, entre outros galardóns, tres Premios da Música e catro Premios da UFI.