Todos temos unha lista -mental ou por escrito- que nos recorda os bos propósitos para este 2011 que comeza. Facer deporte (ou facer máis deporte), coidar a liña, mirar máis pola nosa saúde… ou deixar de fumar… Son algúns dos que máis se repiten. De feito, son moitos os que a principios de ano se apuntan ao ximnasio, ou deciden asistir con máis frecuencia ás instalacións deportivas. Sen embargo, nisto como en todo, son necesarias unha serie de pautas se queremos notar os resultados.
Teñamos paciencia e constancia
De nada serve asistir con regularidade ás instalacións durante un par de semanas. A paciencia e a constancia son claves á hora de realizar exercicio. En dous días non recuperaremos a forma. Debemos ir pouco a pouco para recuperar o que perdemos durante os meses de sedentarismo ou tralos excesos navideños e, sobre todo, teremos que ser constantes se queremos acadar os nosos novos obxectivos.
Empecemos pouco a pouco
O corpo necesita retomar a actividade de xeito progresivo, pouco a pouco. Se nos pasamos coa intensidade necesitaremos máis tempo de descanso, estaremos máis expostos a lesións e nos costará ser constantes con adestramentos duros dende o principio. Se temos dúbidas sobre como comezar, preguntémoslle ao instructor da sala para que nos oriente.
Pensemos o traballo en función dos obxectivos
A planificación á hora de adestrar é moi importante. Coa mente posta nas metas que pretendemos acadar (muscular, incrementar a nosa resistencia, ponerme en forma…), debemos planificar o noso traballo diario. O instructor poderá axudarche a conseguir nun tempo razoable os teus obxectivos.
Estiremos, descansemos, hidratémonos.
Convén realizar un quencemento previo á actividade física que dure un mínimo de 20 minutos. Podes optar por facer un pouco de carreira ou traballo na elíptica para dotar ao teu corpo dunha maior mobilidade articular. Lembra que ao final da sesión é importante estirar para mellorar a recuperación e evitar lesións. Amais, o descanso é unha parte moi importante do adestramento. É recomendable realizar un día de traballo e outro de descanso, ou facer adestramentos intensos con moito descanso. Hidratarse correctamente durante o adestramento e alimentarse de forma sá e equilibrada é fundamental para mellorar a calidade do teu adestramento e para cumprir cos teus obxectivos. Se é preciso, consulta co teu nutricionista para que che oriente sobre este punto.
Un bo xeito de comezar: as clases dirixidas
Existe un amplo abano de actividades colectivas que nos axudarán a acadar as nosas metas a un bo ritmo ao tempo que nos divertimos: spinning para gañar resistencia, body pump para tonificar, aerobic para queimar calorías ao ritmo da música, body combat para combater o estrés…