O sábado 27 de novembro Alice Cooper trouxo ao Multiusos Fontes do Sar os sons máis duros e a súa inconfundible posta en escena, que non deixa a ninguén indiferente. O concerto, enmarcado no Ciclo Xacobeo Importa, patrocinado por Xacobeo 2010 e coa colaboración de Fundación Caixa Galicia, repasou os principais éxitos da súa longa carreira no seo da súa xira “Theatre of death”. 4.000 persoas non quixeron perder a primeira actuación do grupo en Galicia.
En activo dende 1964 e cunha traxectoria difícil de igualar, o mítico cantante norteamericano Alice Cooper estréase en Galicia coa súa propia xira e as súas famosas montaxes no que sen dúbida promete ser un dos concertos do ano.
Alice Cooper foi unha das bandas pioneiras en derivar o son hard rock dos 70 no glam rock máis auténtico. A súa novidosa posta en escea, a súa imaxe e un espectacular sentido teatral foron os sinais de identidade dos americanos. As súas maquillaxes de aspecto sinistro e as súas provocativas representacións influenciaron notablemente a artistas como KISS, ROB ZOMBIE, MOTLEY CRUE ou MARILYN MANSON.
Xurdida en 1964 en Arizona, a banda comandada polo carismático Vincent Damon Furnier (fillo dun predicador), foi todo un referente na escea glam-hard rock dos anos 70. Foron das primeiras bandas en asociar música e espectáculo e rapidamente os seus directos foron recoñecidos pola súa teatral posta en escea.
En 1975 Alice Cooper continúa como solista tomando o antigo nome da banda e movéndose ata os nosos días nunha carreira plagada de grandes discos como “Welcome to my nightmare”, “Constrictor”, “Trash”… ata o reciente “Along came a spider”, publicado en 2008. Nos seus últimos discos, Alice Cooper retoma o rock n’roll e hard rock máis puros, mantendo o listón moi alto e amosando nos escenarios a súa forza incombustible. O pasado ano 2009 encabezou o festival Azkena Rock tras varios anos sen actuar no noso país.