O solista portorriqueño estivo o venres 27 de agosto no Multiusos Fontes do Sar, nun concerto promovido polo Multiusos Fontes do Sar e patrocinado por Fundación Caixa Galicia e a Concellaría de Cultura de Santiago. Arredor de 9.000 persoas achegáronse ata o recinto compostelán para gozar da única actuación do artista dentro do seu tour “No hay imposibles”.
Chayanne saltou ao escenario enriba dunha plataforma elevadora co tema “Provócame” para iniciar o delirio entre os seus seguidores. O portorriqueño regalou aos asistentes máis de hora e media de concerto no que se mesturaron as súas cancións máis bailables coas súas melodiosas baladas. Amais dos temas do seu novo disco, non faltaron moitos dos éxitos máis universais, como “Salomé”, “Dejaría Todo” ou “Torero”.
O seu novo disco “No hay imposibles”, gravado en Miami, Puerto Rico, Los Ángeles, Bogotá e Buenos Aires, saíu á venda o 4 de maio, e marca o regreso do icono portorriqueño á música logo de case tres anos involucrado noutros proxectos. “Me enamoré de ti”, o primeiro single, serviu de base para unha popular telenovela mexicana, “Corazón Salvaje”, que se está emitindo en máis de 60 países dende febreiro de 2010. En total 11 cancións compoñen “No hay imposibles”, con sons para todos os gustos, dende melodiosas baladas ata os seus inconfundibles ritmos rápidos e bailables. O disco mantén a esencia musical que caracterizou ao cantante, bailarín e actor portorriqueño. “As cancións máis rápidas e bailables invitan a ver a vida dun xeito alegre, con esperanza”, indica Chayanne “mentres que as baladas se centran máis no amor, o desamor e a reflexión. É o Chayanne que á xente lle gusta escoitar…contemporáneo e fresco”.
Despois do éxito do vixésimo disco da súa carreira, “Mi tiempo” (2007), que foi acompañado por unha extensa e exitosa xira mundial, Chayanne lanzou en 2008 o seu primeiro disco en vivo “Chayanne: Vivo”, que reuniu os seus grandes éxitos (“Y tú te vas”, “Provócame”, “Torero”, “Dejaría todo”…) nun verdadeiro álbum de colección. En 2009 o artista regresou a un campo no que tamén destacou, no que os seus seguidores agardaban velo protagonizando a miniserie “Gabriel”. Para “No hay imposibles” traballou con Javier Díaz e con outros recoñecidos veteranos como Julio reyes, Sebastian Krys, Pablo Durán e René Toledo, sen esquecer a talentos emerxentes coma o compositor venezolano Paolo Tondo. O resultado é un álbum que, segundo afirma o cantante, reflicte a etapa da súa vida pola que transita nestes momentos, namorado, en paz e preocupado por facer algo no mundo que axude ao próximo. Un Chayanne disposto a volvernos a engaiolar coas súas novas cancións e cun gran espectáculo cheo de vitalidade e enerxía.