As Piscinas Fontes do Sar ofertan a partires do 6 de outubro unha nova actividade dirixida no medio acuático, a Aquapoeira, e inician as habituais clases de Aquafitness. Nestas clases realízanse exercicios tratando de vencer a resistencia da auga, moito maior que a do aire, polo que se potencian os resultados. As sesión desenvónvense no vaso pouco profundo da instalación, e nelas poden participar os abonados do Multiusos Fontes do Sar e aquelas persoas que paguen a correspondente entrada.
O Aquafitness, que se impartirá os martes e xoves ás dez e cuarto da mañá, é unha actividade coreografiada na que se traballa a resistencia como cualidade física predominante; axuda a activar a circulación sanguínea, traballa a musculatura dun xeito eficaz, mellora a respiración e a resistencia, e permite relaxarse. Pola súa banda, a Aquapoeira é unha nova actividade que traslada a danza e as artes marcíais brasileiras ás terapias acuáticas. A capoeira na auga traballa movementos circulares, poñendo en funcionamento gran cantidade de fibras musculares, de modo que aumenta a flexibilidade, fortalece os músculos, favorece a concentración e o equilibrio físico e mental. As sesións de Aquapoeira terán lugar os xoves ás oito da tarde.