Ante o temor a un incremento de casos de gripe A coa chegada do inverno, o Multiusos Fontes do Sar e o Complexo Deportivo Santa Isabel poñen en marcha a partires do mércores 16 de setembro unha serie de medidas de hixiene que axudarán a minimizar o contacto directo entre persoas e, por tanto, a diminuír o risco de contaxio. En efecto, nas instalacións deportivas os espazos se comparten (nas salas de musculación, cardiovasculares e salas de actividades dirixidas conviven varias persoas ao mesmo tempo) e polas máquinas de fitness pasan decenas de usuarios ao longo dunha xornada, polo que nestes momentos e nestes lugares faise necesario poñer barreiras para evitar os contaxios.
Fundas protectoras e luvas
En primeira instancia, distribuiránse de xeito gratuito entre os usuarios fundas protectoras e hixiénicas que evitan o contacto directo das mans coas empuñaduras dos aparellos (das elípticas, as bicicletas…). O seu uso está recomendado en bicicletas ou máquinas que están a ser empregadas por moitas persoas. Esta funda evita o contacto coa humidade, o sudor… e actúa como barreira de prevención a posibles contaxios de gripe, amais de conxuntivite, gastroenterite, etc. En clase de Fit-bike e Elytpic, entregará as fundas o propio instructor da actividade; nas salas de cardiovascular llas dará o instructor de sala a quen as solicite. Asimesmo, recoméndase empregar luvas de musculación de uso propio que axuden a minimizar o contacto coa máquina e que, por tanto, actúen como barreira de protección.
Panos de papel
Por otra parte, as mans teñen un papel moi relevante na transmisión de axentes infecciosos. De feito, dende as autoridades sanitarias insístese en evitar os saúdos dando a man; en non tocar a boca, o nariz ou os ollos coas mans; ou en empregar panos de papel ao esbirrar ou tusir. Neste senso, no Multiusos Fontes do Sar e o Complexo Deportivo Santa Isabel extremaranse as medidas de hixiene e haberá panos de papel nos sitios comúns das instalacións, como a recepción, as salas de musculación e cardiovascular, as clases de actividades ou os vestiarios. Deste xeito, as persoas que utilicen a área deportiva terán a man papel de refugallo en caso de que precisen tusir ou esbirrar.
Xabón para a hixiene das mans
Asimesmo, e afondando no anterior, outro dos aspectos salientables para evitar a propagación do virus, é a recomendación de lavar as mans con auga e xabón durante 20 segundos varias veces ao día. Nesta liña, colocaranse dispensadores de xabón para a hixiene das mans nas salas de musculación e cardiovascular, e nas clases de Fitbike e Elyptic (onde hai contacto directo coa máquina). O limpiador trátase dun xel alcohólico cun complexo nutrinte e hidratante, eficaz contra virus de gripe logo de refregar durante 30 segundos, que se pode aplicar sen auga.