Un total de 1.800 mozos e mozas de entre 16 e 35 anos participaron durante os días 3, 4 e 5 de abril na décima edición do encontro informático Xuventude Galiza Net, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude da Vicepresidencia da Xunta. Este ano, por primeira vez desde que se puxo en marcha a iniciativa, o punto de encontro foi o Multiusos Fontes do Sar, onde os participantes tiveron a súa base de actividade durante os tres días que durou o encontro.
Xuventude Galiza Net é un evento que se presenta como unha referencia no mundo das novas tecnoloxías e convértese así nun punto de encontro neste eido tanto para todos os mozos e mozas que participan activamente nel como para os milleiros de persoas que poden achegarse ata o recinto para participar nas actividades exteriores programadas no marco do encontro.
Intranet e extranet
Coma nas anteriores edicións, houbo dous xeitos de participar no Xuventude Galiza Net: por unha banda o eido dirixido exclusivamente aos mozos e mozas de 16 a 35 anos que se inscribiran para acceder á intranet do evento, situada na pista central do multiusos. Alí estiveron situadas 1.800 persoas cos seus ordenadores, conectados por máis de 40.000 metros de cable, a unha velocidade de 1xigabit. Estes mozos e mozas participaron ademais en diversas actividades lúdicas, creativas, conferencias e talleres arredor da actualidade informática.
Outro xeito de participar neste evento informático foi entrando ao espazo aberto, libre e totalmente gratuíto habilitado no vestíbulo do multiusos. Nesta extranet situáronse os stands da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, organizadora do evento, e das distintas empresas patrocinadoras; espazos para xogar ás videoconsolas máis novidosas; zonas de obradoiros; e outras actividades lúdicas para xente de todas as idades. Todas as persoas que se achegaron ata a extranet do Xuventude Galiza Net puideron participar en diversos concursos, asistir ás conferencias programadas e tamén á proxección da película “Pérez 2, o ratiño dos teus soños”, unha produción cinematográfica que foi proxectada por Filmax Animation.
Novidades 09
Nesta edición do Xuventude Galiza Net as novidades xiraron arredor da robótica. Coa colaboración da organización IEEE celebrouse a primeira edición do Campionato Internacional de Robótica XGN-IEEE. Neste campionato competiron máis de 100 robots chegados principalmente de Galicia, Madrid, Valencia, Reino Unido, Italia, Francia e Portugal. Estes robots realizaron diversas probas polas que foron puntuados para proclamar aos gañadores.
Así, os robots tomaron parte en probas de loitas de sumo; circuíto de velocidade; circuíto de habilidade; labirinto coñecido; e labirinto descoñecido. Ademais, participaron nunha carreira de Fórmula 1, emulando á carreira que tivo lugar no circuíto de Malasia o domingo 5 de abril ás 8 horas.
Outra das novidades máis salientables foi a visita do Embaixador de LEGO en España, que visitou o Xuventude Galiza Net para presentar as últimas novidades internacionais da marca, aínda non dispoñibles no mercado español. Deste xeito, todas as persoas que se achegaron ata o Multiusos Fontes do Sar puideron ver as exposicións de creacións realizadas por artistas de LEGO e participar en obradoiros de robots centrados na plataforma MIndstorm de LEGO e en obradoiros de deseño, empregando o deseñador dixital de LEGO e as pezas orixinais de LEGO.
Ademais, a organización do Xuventude Galiza Net continuou a liña iniciada en edicións anteriores de potenciación do software libre a través de conferencias e obradoiros de Linux, coa colaboración de asociacións xuvenís, e da potenciación do uso do galego co obxecto de realizar a normalización do idioma entre a xuventude, vencellando o galego á mocidade e ao eido vangardista das novas tecnoloxías.
Máis información na web www.xuventudegaliza.net.
Preme aquí para acceder á galería de fotos do evento.