A selección galega de fútbol praia debutou no Multiusos Fontes do Sar fronte a Portugal, nun encontro moi igualado que se tivo que resolver na tanda de penaltis, con resultado positivo para os do país veciño. O laureado xogador coruñés, Ramiro Amarelle, foi o autor de dous goles e de moitas das xogadas máis espectaculares que se presenciaron. Nas gradas, máis de 1.100 persoas non quixeron perderse a primeira cita galega co fútbol praia.
Galicia comezou perdendo por mor dun gol de Liborio aos 10 minutos de iniciado o encontro, pero pronto chegou o empate cun tanto de Nico Alvarado. O 1-2 foi obra de Madjer, pero Amarelle encargouse de volver a igualar o marcador 2-2. Volveu a adiantarse Portugal por medio de Sousa e o partido rematou en empate cun golazo de Ramiro Amarelle.
Portugal ten amosado que é unha das mellores seleccións de fútbol praia do mundo, despois de acadar o segundo posto no 2005, o cuarto no 2006 e o terceiro posto no Campionato do Mundo de Fútbol Praia do presente 2008. O combinado galego contou con tres dos mellores xogadores do mundo nas súas filas: Ramiro Amarelle, nomeado mellor xogador no Campionato do Mundo; o tamén coruñés Nico Alvarado, considerado mellor xogador no Campionato de Europa; e o porteiro Roberto, que recibiu o Guante de Ouro no mundial deste ano.
Finalizado o encontro procedeuse á entrega de premios. Ramiro Amarelle foi o encargado de recoller o trofeo de mans da directora xeral para o deporte da Xunta de Galicia, Marta Souto. O capitán dos portugueses recibiuno de mans de Carlos Meana, o presidente da Federación Galega de Fútbol.
Campionato Galego de Fútbol Praia Indoor
Pouco antes do encontro entre seleccións tivo lugar a final do Campionato Galego de Fútbol Praia Indoor, que se desenvolveu estes días no Multiusos Fontes do Sar e no que tomaron parte 14 equipos e case 140 xogadores. O torneo estivo organizado polo recinto santiagués en colaboración coa Dirección Xeral para o Deporte, Fundación Deporte Galego, o Departamento de Deportes do Concello de Santiago, Obra Social Caixa Galicia e Xacobeo. O equipo “Atlético de Madrid de Vigo” gañou o encontro ante o equipo “Contratas o 5 Insyc”, por 9-4. Dous xogadores dos equipos finalistas, Borja Villaverde (Atlético de Madrid) e Eugenio Coria (do Contratas o 5 Insyc), resultaron escollidos para integrar a selección galega de tútbol que se enfrontou a Portugal. O Atlético de Madrid de Vigo recolleu o trofeo de mans da directora xeral para o deporte da Xunta de Galicia, Marta Souto, e o clasificado en segundo lugar recibiuno do concelleiro de deportes do Concello de Santiago, Andrés Fariña.