MICROFEST, o festival de cultura urbana máis importante do Noroeste peninsular, celebrou
neste 2008 a súa sexta edición cun programa variado e heteroxéneo, tanto pola
multitude de actividades que se desenvolverán ao longo da xornada (baile, djing, bike-trial,
graffiti…), como pola confluencia de artistas consolidados de gran éxito (Nach e
Morodo) con grupos que dan os seus primeiros pasos no mundo do hip hop en Galicia
(Os Trasnos de Moscoso e Sucias Ratas). O festival contou co patrocinio de Fundación Caixa Galicia, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, Xacobeo e a Concellaría de Cultura, e coa colaboración de Estrella Galicia, Red Bull, Eastpak, Fat Fly e New York Stylo.
Morodo repetiu en Microfest e desta volta o fixo acompañado da banda barcelonesa Ranking Soldiers, para ofrecer un directo enérxico e potente, que enganchou a todos os asistentes. O alicantino Nach, con máis de doce anos de carreira musical ás súas costas, presentou por vez primeira en Compostela o seu último disco, “Un día en Suburbia”, cunha impresionante acollida entre o público. Os grupos galegos Os Trasnos de Moscoso e Sucias Ratas amosaron o mellor dos seus directos e entregáronse ao completo ante as 4.000 persoas alí congregadas.
Amais do apartado musical, desenvolvéronse ao longo da xornada varios obradoiros e exhibicións, e tivo lugar a final do certame GZCrea2008 na versión de graffiti, organizado pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. Pola mañá Nach impartiu unha clase de aproximación ao método compositivo, e os Djs Cro e Limbo un obradoiro de scratching; a primeira hora da tarde o coreógrafo Chito deu unha masterclass de baile hip hop, e a graffiteira SAX ofreceu un obradoiro da súa especialidade. Xa pola noite o subcampión do mundo de bike-trial ofreceu unha impresionante exhibición onde amosou as súas mellores piruetas sobre a bici.