“A CARAVANA DOS CATIVOS”, o parque temático infantil organizado polo Concello de Santiago e o Multiusos Fontes do Sar, encheu o Recinto Feiral de Amio cos personaxes de animación máis actuais (Doraemon, Shin Chan, Keroro…), os clásicos de sempre (Barrio Sésamo, Heidi, as Tartarugas Ninja…) e multitude de actividades e obradoiros para os máis cativos. Os máis pequenos da casa tiveron á súa disposición durante toda a fin de semana máis de 10.000 m² de diversión. A iniciativa resultou todo un éxito, pois nas dúas xornadas que estivo aberta ao público (sábado 22 e domingo 23) rexistrou case 15.000 visitas.
Entre as actividades con maior afluencia estivo o túnel do vento, onde os rapaces puideron experimentar literalmente a sensación de voar, e os simuladores de Fórmula1, que permitiron aos máis novos coñecer a sensación de estar ao mando dun potente coche de carreiras. Tamén tiveron moi boa acollida as novidosas cuncas e bañeiras móbiles a motor, e o impresionante inchable dos Simpson. Houbo espazo asimesmo para o deporte, con premios para os que amosaran as súas mellores habilidades encestando na canastra ou metendo gol, e para aqueles que se atrevesen a bailar co aro no espazo de actividades ximnásticas. Tamén o pasaron ao grande no obradoiro de debuxo (onde os mellores pintores levaron premio), nas cadeiras voadoras, na ludoteca e no resto dos inchables, e tiveron momento de relaxarse coas sesións de contacontos e cun pouco de lectura.
Dende unha enorme pantalla de leds proxectáronse dous filmes de estrea protagonizados polo gato cósmico (“Doraemon Animal Planet”) e polo xenial Shin Chan, que gozaron dunha moi boa acollida entre os máis novos. Pero sen dúbida unha das actividades estrela que rexistrou un cheo absoluto foi a exhibición de cetrería, a cargo da empresa Falcón Galicia, que deixou abraiados a pequenos e maiores coas habilidades de diversas aves.
No apartado de animación, as Tartarugas Ninja, Heidi, Keroro, Doraemon, Barrio Sésamo, Shin Chan puxeron as súas mellores galas para pasearse polo recinto de Amio para diversión dos cativos. O sábado a actuación que congregou a maior número de persoas (unhas 2.500) foi a de Barrio Sésamo, con Epi e Blas á cabeza, que fixeron as delicias dos asistentes. O domingo o show do entrañable Doraemon e o seu inseparable Nobita tamén rexistrou un cheo total na zona de butacas (case 2.000 persoas). Amais, Keroro e as Tartarugas Ninja o sábado, e Shin Chan e Heidi o domingo, protagonizaron unhas longas sesións de fotos cos máis pequenos.