O Multiusos Fontes do Sar e a Escola Náutica Portomeloxo, dentro do seu programa Náutica Popular desenvolvido este ano en colaboración con Caixa Galicia, organizan sendos cursos de PER (Patrón de Embarcacións de Recreo) e de PNB (Patrón para a Navegación Básica) que serán os derradeiros que se celebren de acordo co plan actual de estudos, toda vez que o día 4 de novembro entra en vigor unha nova normativa estatal que a partires desa data endurecerá os requisitos para obter estas titulacións oficiais obrigatorias para o manexo de embarcacións de recreo. A organización destes cursos obedece á gran demanda ante o inminente cambio da lexislación.
PER
O curso é de modalidade mixta, presencial e por Internet. Mediante esta modalidade, os alumnos seguen o temario coas máis avanzadas ferramentas de e-learning (ensinanza a través das novas tecnoloxías) do curso on line de última xeración e único en Galicia dsenvolvido pola escola náutica Portomeloxo, homologada pola Xunta de Galicia co indicativo ENAL XGEN021.
Inicio e presentación do curso: día 22 de setembro ás 20.00 h. no Multiusos Fontes do Sar, tendo nese momento cada alumno formalizada a súa inscrición no curso “on line”. O martes 23 comenzan as clases. Cada alumno poderá escoller asistir ás clases presenciais de reforzo nun destes tres días á semana: martes, mércores ou xoves. Total de horas presenciais para cada grupo: 16 horas. Lugar das clases presenciais: Multiusos Fontes do Sar. Horario: 20.00 a 22.00 h.
Exame (extraordinario para os nosos grupos), na Escola Náutico Pesqueira de Ribeira, ás 16.30 h. entre os días 17 e 20 de novembro (se comunicará a data exacta oportunamente).
O prezo deste curso é de 250 €, IVE e material incluidos, para os abonados ao Multiusos Fontes do Sar/C.D. Santa Isabel e para clientes de Caixa Galicia; e de 280 € para o resto. O título de PER habilita para o manexo de embarcacións de recreo de ata 12 m. de eslora ata 12 millas da costa e é o máis solicitado.
PNB
Por outra banda, o curso de PNB (Patrón para a navegación Básica) comeza o sábado día 20 de setembro ás 10.00 h., tamén no Multiusos. Haberá unha ou dúas sesións de clases presenciais (segundo as necesidades dos alumnos) os sábados de 10.00 a 14.00 h. no mesmo lugar e o examen extraordinario especial para o grupo celebrarase tamén na Escola Náutica de Ribeira na segunda quincena de outubro.
O curso, coma o de PER, tamén é de modalidade mixta (presencial + Internet) con inscrición no curso on line exclusivo de Portomeloxo e o apoio de clases presenciais. As prácticas obrigatorias realizaranse unha vez pasado o examen teórico.
O prezo é de 170 € (IVE incluido) para os abonados do Multiusos/C.D. Santa Isabel e para os clientes de Caixa Galicia, e de 190 € para o resto. O título de PNB permite o manexo de embarcacións de recreo de ata 7,5 m. de motor e de ata 8 m. de vela a unha distancia de ata 5 millas da costa.
Os interesados en calquera destes dous cursos deberán inscribirse no Multiusos Fontes do Sar ou no Complexo Deportivo Santa Isabel