Para que poidas escoller entre un maior abano de actividades e de espazos, o Multiusos Fontes do Sar pon á túa disposición dúas novas salas polivalentes que permiten encher o recinto con máis variedade e máis cantidade de actividades dirixidas.
A primeira das salas construídas ten unha dimensión de 110 metros cadrados e está equipada con 25 máquinas elípticas: unha combinación entre a máquina escaladora, unha de esquí de fondo e unha cinta de correr. Trátase dun equipamento ideal para traballar os músculos das pernas, brazos, cadeiras, glúteos, abdominais e músculos posturais das costas realizando un exercicio cardiorrespiratorio importante. A segunda sala acollerá nos seus 240 metros cadrados diversas actividades dirixidas como combat, latino, bodyjam, aeróbic ou capoeira.
Os dous novos equipamentos contan cun sistema de renovación de aire que permite que o volume de aire existente nas salas mude completamente cada 6 minutos. Tamén é salientable o sistema de protección acústica co que contan.