A Bibliopiscina pecha con 600 préstamos máis que o ano pasado

O 29 de agosto pechou ata o vindeiro ano a carpa da Bibliopiscina, unha iniciativa da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais e a Concellaría de Medio Ambiente enmarcada dentro do programa “Vive o verán”, que ao longo de dous meses animou a gozar da lectura aos usuarios das Piscinas Fontes do Sar. Na xornada de clausura estivo presente a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, acompañada do xerente do Multiusos, Santiago López Cuadrado.
Como é habitual, os protagonistas da Bibliopiscina foron un ano máis os máis cativos, a maioría rapaces e rapazas de entre 3 e 11 anos. Eles foron sen dúbida os que máis se divertiron xogando e lendo ao tempo que se refrescaban cun bo chapuzón nas piscinas. E eles foron tamén os que máis gozaron da festa de clausura que se celebrou o venres 29 de agosto, e na que tiveron oportunidade de xogar cun paracaídas, participar nun xogo de pistas, maquillaxe… para rematar cunha gran merendola final para todos os asistentes.
BALANCE POSITIVO
A Bibliopiscina abriu as súas portas nas Piscinas Fontes do Sar o 7 de xullo cun importante fondo bibliográfico (650 libros), gran variedade de xogos (61) e reposición diaria de xornais, con vistas a animar á lectura tamén aos adultos (40 exemplares/día).
A pesares de que o tempo non acompañou, ata o 27 de agosto tíñanse feito un total de 1663 préstamos (300 máis que o total do ano pasado), dos cales 453 foron libros, 992 xogos, e 218 xornais. Os días nos que o sol máis apretou e nos que a afluenza ás piscinas foi maior, acadáronse cifras récord de empréstitos; o 15 de xullo, con 137 préstamos, e o 27 de agosto, con 132, foron os días de máis éxito, pero cabe salientar que se superaron os cen préstamos en varias xornadas: 16 de xullo (122), 22 de xullo (117), 21 de xullo (113) e 26 agosto (113).
Entre os libros máis lidos en galego figuran a colección dos Bolechas e “Cinco contos con volta”, e en castelán “El nunca lo haría” e “Winnie the Pooh”. Para xogar, os rapaces decantáronse maioritariamente polo Villa Paletti, un xogo de pesca e o Identic game.

Pin It