A enorme calidade dos solistas, os fogos artificiais e as impresionantes proxecións abraiaron ás 5.000 persoas que se deron cita o 12 de maio no Multiúsos. O espectáculo contou co apoio do XACOBEO e da FUNDACIÓN CAIXA GALICIA.
Os amantes da boa música e dos grandes eventos asistiron a unha cita ineludible no Multiúsos o sábado 12 de maio coa representación do espectáculo operístico Aída en Fuego. 5.000 persoas non quixeron perderse a representación dunha das obras máis coñecidas e recoñecidas do compositor Giuseppe Verdi, cuxa trama conxuga unha das historias de amor máis antigas cun elemento fundamental da mitoloxía clásica: o lume.
Oito solistas deron vida ós personaxes principais desta obra culminante da literatura italiana da ópera: O Faraón, a súa filla (Amneris), a esclava etíope Aída, o capitán da garda (Radamés), o Gran Sacerdote (Ramfis), o rei de Etiopía e pai de Aída (Amonasro), un mensaxeiro e unha sacerdotisa. A maiores, centos de persoas interpretaron a gran cantidade de ministros, capitáns, soldados, funcionarios, escravos e prisioneiros de Etiopía, sacerdotes e sacerdotisas e habitantes exipcios que conforman a atmósfera deste espectáculo operístico. En total pasaron polo escenario arredor de 300 persoas.
A representación que se viu o día 12 de maio no Multiusos respeta o sentido orixinal da peza de Verdi e refórzaa cunha boa dose de pirotecnia. Os sentimentos da personaxe principal, Aída, e as impresionantes escenas da guerra entre Exipto e Etiopía enfatízanse grazas a unha gran cantidade de fogos de artificio. Para lograr os efectos desexados desplazáronse a Santiago trinta e dúas caixas de transporte con efectos pirotécnicos e instalacións de gas. O lume, elemento fundamental da mitoloxía clásica, tamén foi un dos protagonistas desta ópera en catro actos.
12 de maio
5.000 persoas